OS NAUFRAXIOS OS NAUFRAXIOS Co gallo do vixésimo aiversario do monumento ó Mariñeiro e ó Emigrante, comentaba no díptico difundido ó respecto, que Moaña escríbese co "M". Co eme de Mar, medio de economía e progreso. Co eme de Morrazo, indicando ubicación. Co eme de Migración, diáspora doente da familia. Co eme de Mariñeiro, gremio maioritario da poboación. Co eme de Monumento, símbolo pétreo dun labor, dun pensamento. Co eme de Marabilloso exemplo de supervivencia ante as duras circunstancias. Faltou mencionar o eme de Morte. E faltou intencionadamente, porque nunca un icono debería representar tal adversidade, a pesar de que moitas veces, mar e morte foron sinónimos. En efecto, o mar, a ría, pasa factura; mellor dito cobra factura e cobra ó contado. Nunhas ocasións a través de fenómenos naturais (néboas, temporais, ventos); noutras por neglixencia humana (colisións, encallamentos, pistóns), e algunha que outra por problemas técnicos (averías, explosións, incendios). De calquera maneira o mar sempre ten un risco, aínda coas augas máis quedas. Da a sensación de haberen divinidades agoreiras, de poderes insospeitados atentas sempre a un destraemento do proteccionismo dos entes benefactores. Por iso mesmo, debemos entender a fervorosa devoción dos mariñeiros hacia virxen do Carmen, patrona de veneración con maior raizame da zona costeira. Desgraciadamente, temos fama, triste sona a causa dos naufraxios sofridos ó longo da historia. Desgraciadamente, insistimos, Moaña ocupou moitas portadas nos xornais, nos "Partes", no NO-DO. E si nos paramos en detalles podemos encher paxínas ata completar un groso volumen. Pero como o espacio apremia, imos seleccionar aqueles de maior transcendencia local e incluso dalgún accidente onde houbo sorte, pero a punto estiveron de ocasionar novas luctuosas. Antes de seguir co inventario recopilado, convén dicir que a idea do tema, venme dada dun caderniño publicado polo Instituto de Chapela, baixo a coordinación do profesor Xoán Miguel González Fernández, bó coñecedor da historia de Moaña, e os cales realizaron un exhaustivo labor de investigación na prensa viguesa. Vaia por diante, o noso agradecemento máis sinceiro pola colaboración. NAUFRAXIOS E ACCIDENTES RELATIVOS A MOAÑA. Embarcación de Fernando Núñez. 13 novembro de 1838 Ó coincidir o centenario deste acontecemento (1938), o que foi fundador do Pósito, José Costa Alonso fixo unha reseña periodística documentada nos libros de funerais das parroquias de san Xoan e de San Martiño. Sen especificar as causas, posiblemente polo mal tempo, a embarcación de Fernando Núñez, que habitualmente facía a travesía a Vigo con pasaxe e carga, afundiuse no ruta de ida, a altura do Con. O volcamento daquel barco a remos e vela, provocou o afogado de catorce persoas, entre pasaxeiros e tripulación. Segundo Costa Alonso, tres da parroquia de Tirán e sete da de Moaña, entre eles dúas mulleres. Os catro restantes non logrou identificalos, polo que se suposo que eran doutra parroquia ou eran menores, xa que por estes non se facían funerais. Os nomes dos víctimas soterradas eran: Francisco Camiña e José Bello Vidal de Tirán. Francisco Antonio Collazo, José Freire, Ignacio Abal, Clemencia Abal e Fernando Núñez Martínez -propietario da barca- pertencían a freguesía de San Martiño. Entre os náufragos recuperados, estaba tamén o veciño do Con, a quen súa familia quixo perpetuar na memoria levantando unha cruz sobre un pedestan cúbico que reza: SE AOCO JOSE RAMON GONZALES HIJO QUE FUE DESTA CASA PASANDO PARA VIGO Y MAS 14 PERSONAS EL 13 DE NOVIEMBRE DE 1838 ACUERDENSE DEBOTOS CON UN PADRENUESTRO POR SU ALMA SERA AVI TALICIA ACUENTA DE EL TERRENO Q LE CIRCULA AVE MAR IA (Transcripción feita polos alumnos do colexio de Quintela e publicada no libro-anuario "Museo de Pontevedra XXV. 1981") Como curiosidade, cita Costa Alonso, a un dos supervivintes, que por xuramento xamais volveu a subir en barco. Cada vez que necesitaba desprazarse a Vigo, facia a viaxe á volta, por Pontesampaio e Redondela. Este señor chegou vivir vinte anos máis dende tal suceso. (Referencia: José Costa Alonso. 1938) "Viuda". 19 de xuño de 1875 Cando a escadra inglesa, ancorada na ría, conmemoraba o aniversario da coroación da S.M a raíña Victoria, o domingo pola mañán do día 20, pronto tiveron que suspender parte das cerimonias para socorrer a unha lancha volcada na tardiña anterior. Efectivamente, cando a lancha "Viuda" de Domaio facía a pasaxe diaria con Vigo, resultou que no regreso a Domaio, levantouse unha racha de vento tan forte, como suficiente para volcala. No seu interior viaxaban máis de vinte persoas, as cales pronto recibiron axuda doutra embarcación, das mesmas características e que navega en sentido contrario. A pesar dos esforzos en rescatar unhas dazaseis persoas, non poideron facer o mesmo con seis mulleres e tres homes. Debaixo da lancha volcada oíanse berros de desesperación, e por tal motivo abriron un buraco por onde saíron vivos o abade de Domaio, xunto con dúas persoas máis. Cando chegaron as fragatas inglesas ó lugar, a urxencia xa estaba feita e dedicáronse a rastrear a zona e levar remolcada a barca ata ó peirao. Unha vez dada volta atoparon dous cadaveres na tilla da embarcación. Posiblemente estarían dormindo no momento da traxedia. (Referencia: Faro de Vigo 22-6-1875) A enviada. 24 de xaneiro de 1910 As enviadas eran os botes encargados de recoller o peixe das artes e ir vendelo a lonxa de Vigo. Neste caso, despois da venda, a enviada propúñase retornar a Moaña, tripulada por un patrón, dous mariñeiros e a muller do primeiro. Parece ser que dende a Ribeira de Vigo, xa lles advertiron do perigoso da travesía, debido ó mal estado do mar e suxerínlle á muller de facer a viaxe no vapor. Confiados na propia experiencia optaron por navegar, naquel bote de vela, rumbo a Moañá, e xa cando estaba entrando en "El Real", a iso da unha e media da tarde, levantouse unha ráfaga de vento e fixo zozobrar a enviada tirándo a todos ó mar. O irmán do patrón e o mariñeiro alcanzaron a praia a nado, mentras o patrón Aniceto Cordeiro Román, excelente nadador, feneceu ó intentar auxiliar, inutilmente, a súa muller Teresa Valverde Portela. (Referencia: Faro de Vigo 25-1-10) "Filomena" 21 de setembro de 1911 Ás oito da mañán partíu da praia da illa de San Martiño, a traiñeira "Filomena" con sete tripulantes abordo. Sen problemas e a toda vela tomaron rumbo a Moaña, pero ó chegar a altura de cabo de Vicos, unha ráfaga de vento fíxoa volcar. A traíñeira quedou quilla arriba facilitando á tripulación para poder agarrarse, agás Rogelio Jalda, solteiro de vinte anos e fillo do patrón que non poido subirse, desaparecendo para sempre no mar. O resto dos náufragos foron auxiliados por outra traiñeira de Vigo, que se encargou de traelos ata Moaña. (Referencia: Faro de Vigo 23-9-11) "Blanca". 4 de abril de 1913 Á altura mesmo da praia de Moaña, por efecto dun golpe de vento, a traiñeira "Blanca" volcou con vintetres mariñeiros abordo. Perto daquela navegaba outra chamada "San José", patroneada por José Pombal, de providencial axuda, pois logrou salvar a tódolos tripulantes. Ó pouco tempo, tamén acudiron en axilio as traiñeiras "Melena", "Dos Marujas" e "Regular", si ben a xente xa estaba salvada. Dase a circunstancia que o alcalde, Emilio Barros percatouse do accidente mentras se dirixía a Domaio e deu volta co obxeto de prestar os auxilios facultativos oportunos. (Referencia: Faro de Vigo 5-4-13) "Francisquito". 21 de novembro de 1922 A unha milla N. S. do cabo de Vicus, a iso das nove da noite, dirixáse a Vigo o pesqueiro "Francisquito", procedente de Leixoes con 160 patelas de sardiñas (ou pescadillas). Ó patrón viu vir outro pesqueiro en sentido contrario, por babor e ó mirar que se lles botaba enriba pitou varias veces. Pero os doutro barco, o "Marcelina", con folio de Santa Uxía de Ribeira, non se percataron e foron chocar directamente contra o "Francisquito". Como consecuencia inmediata do choque. o "Marcelina" foi a piques, podendo salvarse toda tripulación, gracias ó auxilio inmediato do "Francisquito". Ás chamadas de SOS acudiron o vapor "Valenciano " e outro máis, de nome esquecido, pero que rescataron a maioría da tripulación en perigo. No interior do "Francisquito" quedaron seis homes para remolcalo o antes posible. Pero a medida que avanzaba o barco anegábase máis. Intentaron levalo a unha praia para varalo, pero imposible, quedaba a tres millas. Logo o "Valenciano" tentou o remolque inutilmente; acabou por fundirse; eso sí, poñendo ós seis homes a salvo. A tripulación do "Francisquito" estaba composta de trinta mariñeiros, a maioría de Moaña, agás o patrón que era de Ribeira e o maquinista e fogoneiro de Xixón; mentras que a "Marcelina" levaba corenta homes de Ribeira. Por fortuna nesta ocasión non houbo que lamentar desgracias personais, e todo quedou nun enorme susto, ademais da pérdida material dos barcos. (Referencia:"Naufraxios no mar de Vigo 1854-1964". Dirixido por Xoán Miguel González Fernández e Faro de Vigo 22-11-22) "Cuatro Hermanos". 10 de decembro de 1934. Ás cinco e media da madrugada, saíu do peirao de viaxeiros de vigo, a embarcación a motor "Cuatro Hermanos" pertencente ó armador Manuel Fernández de Guixar. Ó chegar a punta Borneira, largaron os aparellos ante un mar bravo. Sobre as oito da mañán, un forte golpe do mar volcou a embarcación, quedando coa quilla ó aire. Dos vinte tripulantes caídos entre augas xélidas, doce conseguíron asirse á quilla, agardando a axuda doutros barcos próximos, como o "Alerta" de Moaña que logrou rescatar a catorce homes. Outras motoras de pesca acudiron tamén ó lugar para prestar os correspondentes auxilios. Auxilios infructuosos para seis mariñeiros, case todos de Teis, agás un de Ferrol e Juan Romero Piñeiro, irmán do entón alcalde de Moaña, -José Romero-. Dicir que o falecido vivía en Teis cunha irmán. O resto da tripulación salvada era maioritariamente de Teis e algún que outro de Moaña, sen especificar (pola prensa). (Referencia: "Naufraxios no mar de Vigo..." e El Pueblo Gallego 11-12-34. Fotocopias cedidas por Miguel González Fernández). Bote. 27 de xuño de 1937 Na madrugada do domingo 27 de xuño de 1937, un bote de Moaña que se adicaba, preto das Illas Cíes, ás faenas de pesca co "boliche" zozobrou, perecendo afogado o patrón Antonio Cruz Juncal e un sobriño deste que ía a bordo. Os outros catro náufragos foron recollidos por unha embarcación, advertida do suceso. O cadavre de Antonio foi rescatado na mañanciña polo buque-gasolineira do estado. (Referencia: Texto do libro sobre as Cíes (en imprenta) de Xoán Miguel González Fernández) "Nuevo Rosita". 5 de setembro de 1945 O naufraxio aconteceu nas proximidades da illa de Sálvora, preto de Aguiño (Carreira), na entrada á ría de Arousa, pola canle chamada Canteiros entre O Grove e Sálvora. Dábase a casualidade que no timón ía un experto coñecedor daquela ría, natural de Carreira, pero nese momento unha espesa neboa non aconsellaba unha velocidade tan alta, como a que levaba o barco, motivo de chocar contra unha pedra, provocando o afundimento en catro minutos. O "Nuevo Rosita", propiedade de Antonio Gestido de Berducedo arrastrou consigo a seis homes de Moaña, mentras que o resto logrou salvarse nadando. Uns máis dunha hora, e outros subidos á chalana, mentras agardaban o socorro doutras embarcacións próximas. Tres días despois, o "Nuevo Rosita" de doce metros de eslora, foi reflotado por buzos e levado ata a praia. Nun principio sábese que recuperaron dous cadaveres. (Referencia: Faro de Vigo de 6-9-45 e Revista Social Residentes del Municipio de Moaña en Buenos Aires. Ano de 1946. Información esta, cediada pola familia de Antonio Gestido). "Ave del Mar". 10 de novembro de 1956 Foi un dos naufraxios de maior doenza na ría viguesa. Aínda hoxe é recordado con grande pesar por familias enteiras, que directa ou indirectamente sofriron tal percance. Falouse entón que máis de mil persoas afectadas por aquela traxedia. Rematada a faena, sobre as sete da mañán, o "Ave del Mar" tomou rumbo entre as illas Faro e San Martiño. Como se soubo máis tarde, parece ser que os mariñeiros ían dormingo, cansados do traballo nocturno; boa pesca por certo. Nun momento determinado, o barco da ardora, debeu aproximarse perigosamente hacia o extremo noroeste da illa Sur. O patrón do "Quitín", pequeno barco de Tirán, contou como verificaban o último lance da obscurada, sobre as sete e media da mañán, en medio dunha grande cerrazón de néboa e mar de fondo. Na maniobra escoitaron un chapoteo, crendo dar cun xarabal de peixe. Pero na media luz do mencer poideron distinguir cachos de maderia, patelas, roupadaugas, un barril. Sen dúbida tratábase dun naufraxio. Puséronse logo a explorar a zona e non tardaron en atopar dous cadáveres; "Fanchuco" o patrón de costa e o mariñeiro Manuel Eiroa. Seguiron dando voltas, alertaron a outro barco e despois de non atoparen nada máis aproaron a Vigo para notificar o suceso. O patrón do "San José" que estaba pescando na punta do Cabalo, falou da probabilidade -todo eran hipóteses- de que a forte oleaxe levara o barco contra os acantilados, do que nada podía oírse, debido o ruxido da rompente. A noticia da catástrofe sóubose en Moaña polo mediodía. Ó pouco tempo a nova era totalmente de dominio público, sucedéndose entón esceas desgarradoras da traxedia. As festas patronais foron suspendidas de inmediato. Armadores e mariñeiros aplazaron as faenas e foron ó lugar do suceso para participar na búsqueda, sumándose ás unidades de guardapesca e da Comandancia da Mariña, asi como outras embarcacións solidarias de Vigo. Como resultado da búsqueda foi a localización do aparello, sobre os cons de A Galera. O "Ave del Mar" seguía sen aparecer, o mesmo que a tripulación. O balance das víctimas non poido ser máis desolador. Non houbo supervivintes, agás José Solla Ruibal, que quedou na casa por enfermidade e Manuel Paredes Gesteiro, que cando chegara ó peirao, o barco xa saíra para o mar. A relación dos fenecidos é a seguinte: Francisco Nogueira Iglesias, patrón de costa. Veciño da Seara. Manuel Eiroa Santomé, mariñeiro. Manuel Pérez Parada, mecánico da Seara. José Pérez Rodríguez, armador e patrón de pesca da Seara. José Blanco Cancelas de Broullón. José Blanco Souto, fillo do anterior, tamén de Broullón. Antonio García Piñeiro de Quintela. Balbino Vázquez Gestido da Paradela. Ricardo de Sá Sequeiros de Meira. Jaime de Sá Meira, fillo de Ricardo. Balbino Domínguez Entenza da Marrúa. Antonio Fervenza Gestido da Paradela. José Del Río Martínez de Couso (Meira) José Carrera Parada da Seara. Manuel Pastoriza Palmás da Seara. Antonio Barcia Corrales de Berducedo. Manuel Pérez Rodríguez da Seara. Manuel Santomé Souto do Piñeiro. José Martínez Martínez da Marrúa. Raimundo Graña Palmás de Quintela. Balbino Iglesias Carrera de Berducedo. Jesús Costa Costa da Seara. Jesús Couso Paredes da Marrúa. Atilio Entenza Padín de Cela (Bueu). Agustín Paredes Souto de Redondo. Manuel Cordeiro do Cruceiro. O domingo día 11 celebráronse o enterro dos dous cadáveres atopados, asi como os funerais que revistiron unha impresionate manifestación de dor, presidida polo cardeal-arcebispo de Santiago Quiroga Palacios, o capitán xeral do Departamento Marítimo en un gran número de persoalidades. Precisamente as palabras de Quiroga Palacios provocaron unha explosión de angustias e esceas patéticas tanto dentro, como fora da igrexia. Pronto as institucións, tanto públicas como privadas se volcaron en donativos en favor dos familiares das víctimas do "Ave del Mar", xa que as cantidades a percibir da Seguridade Social eran de fame. Mentras a búsqueda do barco seguía infructuosa, ata que o día 17 do mesmo mes de novembro, un equipo de submarinistas, no que interviron norteamericanos e franceses que daquela atopábanse no estreito de Rande, na búsqueda dos galeóns afundidos, localizaron a catorce metros de profundidade, entre punta Galera e o Cubilló-Pan de Bandeira, o buque con once homes no seu interior. De novo cadros dantescos no peirao moañés no momento de sacar os ataúdes e, por suposto, durante a inhumación, un a un, no cemiterio novo. (Referencias: "Naufraxios no mar de Vigo..." "Historias de las Rías. Capítulo 18. Francisco Díaz Guerrero" "Faro de Vigo 11, 14, 15, 16, 18, 20 e 23 de novembro de 1956. La Voz de Galicia, 27 de xaneiro de 2000). Motora pequena. 11 de xullo de 1960 . Un domingo de excursión, cando todo prometía unha xornada Feliz: Festa de San Bieito, futbol en Pontesampaio e merenda nas carballeiras do río Verdugo, resultou, segundo información da Garda Civil de Arcade á Comandancia, que a iso das cinco da tarde, unha pequena embarcación de pesca de Moaña, con oito persoas a bordo, chocou contra unhas pedras cubertas pola marea alta, no sitio denominado Ponte Casal. Deuse a casualidade de que nas proximidads había outra embarcación próxima que acudiu de inmediato logrando rescatar a tódolos tripulantes. Non obstante houbo dúas víctimas. Unha muller recuperada xa sen vida e outra en estado tan grave que a pesar dos intentos médicos, nada puido facerse por salvala: Carmen Fernández Freire e Josefa Canales Gallegos eran os nomes das finadas. Contan tamén da salvación dun home inválido que se salvou gracias o colchón que flotaba. (Referencia: Faro de Vigo, 13 de xullo de 1960). "Lucero del Alba". 12 de novembro de 1960 Xusto cando viña de celebrarse o coarto cabodano do acontecemento do "Ave del Mar", a punto estivo de producirse outra desgracia de características semellantes. Pero nesta ocasión deberon contar coa proteción da Virxen do Carmen, de San Telmo, da deusa "Fortuna" e incluso do romano Neptuno ou do grego Poseidón. O "Lucero" era un barco da ardora, propiedade de José Pombal Ríos, de características técnicas iguais ás do "Ave del Mar". Levaba a bordo trinta homes aquel día cando un temporal do SW obrigouno ó abrigo na punta Meixoeiro da illa do Faro. Mentras agardaban o amainar do mar, os mariñeiros fóronse para os catres, en tanto que na cuberta quedaba un retén de vixiancia. Parece ser que as fortes correntes levaron o barco sobre os cons e laxes da Illa, volcando o aparello, o cal quedou engasgado na hélice impedindo maniobrar o barco. Por providencia a terra estaba a un paso o que permitiu o salvamento de toda tripulación. (Referencia: Faro de Vigo. 15 de novembro de 1960) "Aferrón". 8 de decembro de 1962. Do porto vigués saliu o "Velarde" de 167 toneladas, un barco de Bouzas dedicado a pesca de "trio" e ía relevar a outro das mesmas caracteríscas. Ó chegar a tres millas sur-sudeste de cabo Silleiro non observan nin barco nin luz próxima. O "Aferrón" de 12 toneladas e media, con base no porto do Con, propiedade de Ezequiel Pena Bastos, con 25 homes a bordo, estaba agardando o oscuro para pescar sardiñas. De súpeto o abordaxe. O "Aferrón" partíuse en dous e foi ó fondo en poucos minutos. Tanto a tripulación do "Velarde" coma do pesqueiro baionés "Angel Vilar" que navegaba por alí, acudiron en auxilio e lograron rescatar a 22 supervivintes. Tres homes da dotación do "Aferrón" desapareceron entre as augas: José Rodas Bernárdez de Coiro, Cándido Lobera Otero da Grela e Ladislao Rodríguez Boubeta de Sabaceda. Como noticia destacable resaltaron o valor do patrón de costa do "Velarde", como manifestou á prensa o supervivinte Silverio Rúa. -"... Cuando yo navegaba con el bote salvavidas, vi como un hombre -un compañero mío- flotaba desesperadamente para salvarse. Fué cuando el patrón del "Velarde", que es muy valiente y merecía una medalla, paso nadando por la proa a toda velocidad. Llegó junto al otro y le oí como gritaba: "No me sujetes los brazos". Y después aún ayudó al salvamento de otros..." (Referencia: Faro de Vigo 9-12-1962) "O Centoleira". 5 de xaneiro de 1964 Véspera de Reis, o pior regalo para un neno. O "Centoleira" disponse a saír faenar cando, a 200 metros da baía de Bouzas, foi embestido no costado de estribor polo bou "Puente de San Andrés". A colisión abríu unha vía dun metro que provocou o afundimento inmediato do barco. A consternación en Moaña non ten adxetivos. Outra vez a fama da historia negra. Esta vez é Tirán a parroquia máis afectada, pero en realidade toda Moaña paralizou a actividade. Choros e berros desgarradores... A tripulación estaba composta por vinte e dous homes, dos cales morreron dezasete. Os cinco salvados foron auxiliados por barcos que se atopaban na zona. Os buzos rescatarían de principio a tres cadaveres. Cando reflotaron o barco localizaron no interior o corpo de nove homes máis. O día oito, a embarcación "José y Luís" do Con, localiza un cadaver. Dous días máis tarde, o mesmo barco recupera outro náufrago. Volven as axudas, volven os socorros mutuos. Volven os orfanatos coa acollida de fillos. Volven as condolencias das autoridades e eminencias. Volta Quiroga Palacios, esta vez á nova igrexia do Carmen para celebrar os funerais de: José Nogueira Collazo, patrón. Leonardo González Durán, mecánico. Julio Collazo Gil. Salvador Costa Juncal. Ángel Antonio Fernández Martínez. José Fernández Vilariño. José Gil Vidal. Daniel Iglesias Chapela. José Iglesias Malvido. Manuel Carlos Lorenzo Alonso. Eliseo Molanes Germade. Gabriel Paredes Martínez. Antonio Pena Pastoriza. Balbino Rivas Durán. Manuel Paredes Barreiro. Francisco Ríos Del Río. Manuel Ríos Del Río. (Referencia: "Naufraxios..." e Faro de Vigo do 7,8,9,10,11, e 12 de xaneiro de 1964). "Perla das Cíes". 29 de marzo de 1985 O corpo de Teresa Viñas, casada había seis meses, apareceu flotando na praia de San Vicente de O Grove; mentras que o do seu home David Alberto Blanco e de seus cuñados Fernando e Enrique Collazo Nogueira xamais apareceron. A familia rexentaba un bar de comidas nas Cíes, e dende o porto do Con desprazábanse diariamente na temporada turística, nun barquiño de doce metros de eslora. Aquel venres saíron ás cinco da tarde da Illa e, según dixerons, alguén lles avisou dun buraco no barco, posiblemente producido por un golpe de mar. Non obstante a experiencia e exceso de confianza dos tripulantes apenas lle deron importancia e emprenderon a viaxe hacia Moaña. O que víu despois é pura incognita. (Referencia: Faro del Lunes, 1 de abril de 1985 e La Voz de Galicia, 2 de abril de 1985). Definitivamente, Moaña escribese con "eme" de mar. Xosé C. Villaverde Román Agrupación Cultural NÓS Xullo 2000