A PARROQUIA DE DOMAIO ENTRE A TRADICIÓN E HISTORIA NA BATALLA DE RANDE Por Xosé Carlos Villaverde Román Durante o inverno de 1981 e primavera de 1982 a sección de Arqueoloxía e Historia desta Agrupación realiza un traballo etnográfico na parroquia de San Pedro de Domaio, do que cabe salientar ainda hoxe o eco do combate naval de Rande sucedido ó inicio do s. XVIII. Se ben a tradición oral recolleuse con rasgos difusos, tamén convén dicir que algunhas informacións están interpoladas de relatos de literatura escrita. De tódolos xeitos pódense considerar válidas cara a elaborar unha hipótese con toda documentación recollida para logo contrastala cos acontecementos históricos. A LENDA POPULAR Resalta a curiosidade por sabe-lo motivo de erixi-la igrexa, dedicada a S. Pedro, tan preto da beiramar sabendo que é un lugar de condicións inmellorables para desembarco da piratería mariñeira, verdadeiro azoute secular protagonizado por berberiscos, portugueses e ingleses. Os fregreses de Domaio ante os riscos históricos preferían vivir nas ladeiras dos montes valéndose das abadas costaneiras como defensa natural ante os ataques inimígos. Así mesmo podían vixiar os rumbos das naves sospeitosas e seus movementos gracias a excelente visibilidade que ofrecen os outeiros de Palmás, Paradela, A Costa, A Pasaxe, Cavada do Périto, Cachuval e Montealegre sobre a chan que vai desde 0 Porto, Siburela, A Tella, Verdeal, Almacén, ata A Queixeira. Na actualidade ainda se conservan restos de vivendas ubicadas nos lugares elevados anteriormente descritos. Por iso sorpende a edificación e conservación da igrexa nun sitio tal vulnerable. Cabe pensar que ese sitio estivera sempre impregnado dun forte sentimento cultorelixioso que supere o perigo das incursións piratas que asolaban as parroquias, tal como sucedeu no 1585 cando Drake arrasou a ría. Ou aquel oito de Nadal de 1617 no que a oposición veciñal comandada por dous capitáns de zona, non foron capaces de evita-lo ataque de once naves turcas, que queimaron e roubaron todo o que encontraban ó seu paso, incluso mataron a sete veciños de Domaío que fixeran prisionciros. Probablemente o número sería maior se non fose polo accidentado do terreo onde se refuxiaban as xentes. Posúe a parroquia uns signiticativos topónimos de claras connotacións históricas relativas a esta época. Así na punta Moa (praia da Borna) temos 0 Forte. Dito lugar debeu obedecer a unha estratéxica finalidade defensiva. 0 mesmo topónimo atópase en Cangas e no propio castelo de Corveiro ou de Bestas en Domaio. Nun documento de 1808 aparece o topónimo 0 Fortiño xunto ó rio de Meira. A garita é outro dos nomes interesantes e de maior difusión que o anterior, localízase en varios puntos da ría, desde o Facho (Donón) ata Cesantes (Redondela), pasando por 0 Real (Tlrán) e A Fontifia (Domaio). As garitas eran construccións rectangulares ou circulares ubicadas sobre cumes de gran visibilidade para outear o arribo de navios con intencións dubidosas. Dada a altura das torres, os sentinelas alertaban ós fregueses por medio de fachos, candís e outros destelos, ou ben por toques de cornos a xeito de trompetas. Preto da igrexa está 0 Almacén, lugar que ben poidera corresponder á existencia dun silo para garda-los cereais da recadación foral ou tamén a un despósito de fornecemento que en períodos conflictivos serviría para defende-lo templo. As lendas recollidas parten dun acontecemento histórico para dexenerar e terxiversarse co paso do tempo. Nembargante, neste caso ainda conservan certa fidelidade histórica causada pola profusión literaria do evento recordado periódicamente en artígos dos xornais. Coa tradición recopilada case se pode facer unha reconstrucción hipotética da batalla naval. A memoria popular fala da existencia dun castelo na punta do Corveiro -ou Corvaceiro- que controlaba a entrada na ensenada de S. Simón ou de Rande. Durante o combate o estreito estaba pechado por troncos encadeados ata o castelo de Rande á outra beira da ría. Dentro da enseada estaba a frota española desembarcando as mercadorías traídas de América. Enfronte, pola parte de fóra dos madeiros aboiados, encóntrase a frota inglesa que pretende apoderarse das riquezas españolas. En opinión dun informante, os ingleses deberon establecerse na paia da Borna para tomar con facilidade 0 Forte (Punta Moa). Logo tentaron subi-lo monte da "Jurita", probablemente para sorprender por terra as guarnicións do Almacén e Corveiro. Arriba, un continxente de veciños mal armados, estaban a espera en puntos clave. No momento oportuno e aproveitándose das pendentes pronunciadas do monte, rexeitan o ataque deixando bolear grandes rochas que causaron baixas considerables ós ingleses, obrigándoos a retirarse. Para evitar máis perdas desaproban novas incursións e voltan ós navios, matinando unha nova estratexia. As naves aproan rumbo ó castelo do Corveiro bordeando a costa ó abéiro dos cañonazos procedentes da citada batería. Chegados à praia de 0 Almacén proceden a un desembarco masivo baixo a cobertura dos disparos indiscriminados procedentes dos barcos que fan inútil a voluntariosa resistencia parroquial na denominada, por un informante, "Batalla de S. Pedro". Logo, os ingleses toman a batería do Corveiro, mentras que por mar creban as defensas flotantes e enfróntanse nun combate inenarrable. É dificil distinguir se os feitos referidos nestas lendas sucederon antes ou despois da batalla, pero iso non e óbice para ter unha idea xeralizada dos acontecementos navais. 0 SUCESO HISTORICO Reinaba España Felipe V, cando todo comercio procedente de América confluía obrigatoriamente no porto de Cádiz, pero ó estar insertos na guerra de Sucesión (1701-1714), tiñan como inimigo á frota da Liga formada por ingleses e holandeses que bloqueaban todo acceso a baía gaditana coa finalidade de impedi- las entradas de barcos e apropiarse deles con todo seu cargamento. En Xuño de 1702 parte de América a "frota máis rica que xamáis fora confiada ó azar das ondas". A Escuadra da Prata, ó mando do almirante Manuel de Velasco. viña custodiada por un convoi francés comandado polo vice-almirante e conde Château-Renault. 0 número de barcos que comprendía a frota difire segundo o labor dos autores. Uns apuntan entre catorce galeóns mercantes e dezanove navios de guerra, mentres que outros historiadores totalizaron corenta e oito cargados de metais preciosos, madeiras finas, telas bordadas en ouro e prata, coiros curtidos, marfís, porcelanas e outros productos orientais. Hai investigadores que calculan un cargamento superior a quince millóns de pesos en ouro e prata. Ó chegar ás Azores a escuadra franco-española entérase da guerra de Sucesión e do bloqueo de Cádiz. Celébrase un consello de guerra para estuda-las posibilidades de levar a bo porto as mercadorías. Barallouse o francés de Brest pero ó final foi descartado por temor a seren agardados en Fisterra. Esa desaprobación tamén contou co voto de José Sarmiento de Valladares, ex-virrei de Nova España (México), xa que o destino quixo que retornara a bordo da escuadra cunha grande fortuna. Era natural de Saxamonde (Redondela) e propón a dita vila para levar o cargamento (1). A proposta de Redondela como remate de rota foille consultada ó xefe dos pilotos que a informou favorablemente xa que estivera varias veces na ría e gabou a súa seguridade. 0 dia 22 de setembro de 1702 traspasan as illas Cíes dezanove galeóns de carga escoltada por vintetrés barcos de guerra franceses. Os galeóns ancoraron na ensenada de S. Simón e os galos colocáronse en semicírculo, detrás dunha defensa frotante composta de embarcacíóns pequenas, bocois, balsas, cables, etc., que cerraba a navegación no estreito, entre Rande e o Corveiro. As praias próximas tamén foron atrincheiradas. Xusto ó mes seguinte, día 22 de outubro, fai entrada na boca da ría a flota anglo-holandesa comandada por Sir G. Rook e o almirante Allemond, quenes foran informados por un espía no sur de Portugal. Para sortea-la artillería de Vigo achéganse pola rada de Cangas ata posicionarse fronte ó estreito de Rande. Esa mesma noite, dezasete lanchas tentaron racha-la cadea pero foron repelidos polo fogo cruzado das baterías situadas a ambas beiras. Entre os días vintetrés e vintecatro desembarcan con facilidade en Domaio e toman 0 Corveiro sen apenas resistencia. En Teis tamén saltan a terra aproveitándose da marea chea, para facerse co castelo de Rande. Neutralizadas as defensas terrestres, os ingleses preparan dúas naves con picos na proa e a toda vela arremeten contra a defensa mariña ata rachala definitivamente. Donos dos fortes e co paso franqueado, os aliados flamengosaxóns, en número superior, atacan, abordan e causan un espectáculo dantesco sen precedentes na historia de Galicia. Diante da inevitable derrota, Chãteau ordea afundi-los navios franceses e Velasco, cercado por terra e mar, fai o mesmo cos galeóns à vez que lles prende lume. Os cronistas falan de oitocentos mortos pola parte da Liga, por máis de dous mil e outros tantos feridos da Frota da Prata, o que da unha idea de magnitude da batalia. Ignórase o botín usurpado polos vencedores xa que gran parte das riquezas foran cargadas en máis de novecentos carros de bois e mulas requisados en tódala provincia, pagando un ducado (moeda de ouro) por cada legua (2) percorrida polos vieiros de Pontevedra, Santiago, Lugo, Villafranca, camino de Castela. Nembargante outros autores aseveran que os ingleses chegaron a apropiarse de catro galeóns por cinco os holandeses, se ben especifican que parte das mercadorías foron tiradas ó mar. Extremo éste desmentido polos cronistas británicos e holandeses da época, que alardearon dun botín moi superior. 0 día 28 dedicáronse a saquear freguesías e vilas da ría, incluidas as de Domaio, Meira e Tirán. Mentras tanto os vecíños seguían durmindo nos montes soportando fortes cairos de chuvia. 0 día 31 deixan as Cíes pola popa, cousa que aproveitan algúns veciños para continua-la rapiña e saqueo de casas. O castelo de Corveiro (Bestas) ficou seriamente deteriorado e tentouse reconstruir en épocas posteriores. En concreto no ano 1788 o enseñeiro Gaveto elaborou un proxecto de remodelación e unha defensa de nova construcción para Meira que finalmente non se levaron a cabo. O castelo ficou esquecido na ruina total e xa no 1936 os poucos sillares que alí había son o motivo dunha instancia do alcalde de Vilaboa dirixida ó seu coetáneo de Moaña para "conserva-los vestixios que quedaban pola súa importancia histórica e defende-lo patrimonio artístico". A desidia das autoridades locais que non souberon captar a sensibilidade do concello limítrofe, e unha vez máis, ese resto histórico quedou indefenso ó deixar levar os perpiaños en balandros para levanta-lo peirao do Areal de Vigo. (1)Dato inédito revelado polo profesor e presidente da Casa de Galicia en Nova Iorque, Amado Rincón en conferencia dada o 1 - 3 - 88 no museo de Pontevedra. (2) Medida de lonxitude variable ó redor dos cinco quilómetros e medio. FONTES CONSULTADAS Alvarez Blázquez, Xosé Mª. "La ciudad y sus días". Biblioteca Penzol. Soto,Antonio. "Relato inédito da batalla de Rande". Faro de Vigo 7 - 11 - 82. Stenuit, Robert. "Os galeóns de Rande'. Biblioteca Penzol Gran Enciclopedia Gallega. "Rande". Silverio Cañada Editor. "Vigo en su historia". Editado pola Caixa de Aforros de Vigo. Xosé C. Villaverde Román. Maio 1991 Agrupación C.D.R. Nós. Moaña