ORIXE DAS REGATAS DE TRAÍÑAS NA RÍA DE VIGO (Primeira parte) De momento, non se sabe de ninguén que teña feito traballos de investigación sobre este tema. Iso pode motivar unha serie de inconcrecións pola falta de contraste. Agora ben, ser uns dos pioneiros, parte coa vantaxe de vertebrar o traballo cun criterio propio. AS ETAPAS DE VIGO Foron, sen lugar a dúbidas, as entidades deportivo-marítimas da cidade de Vigo as que promoveron varias probas deportivas dentro dos programas das festas patronais do verán e entre as cales as regatas de traíñas para profesionais chegaron a alcanzar a maior espectacularidade. Este tipo de competicións espertou, dende o principio, paixóns indescritibles. Pasou por altibaixos, etapas indefinidas unhas veces, esporádicas outras e case sempre ían en consonancia co valor dos premios concedidos. Baixo o punto de vista localista, no que á participación moañesa se refire, convén diferenciar polo grao de participación, dous períodos claramente ben definidos. O primeiro, cando se disputaron as bandeiras da II República e o segundo, no momento en que o Concello de Vigo aposta polo patrocinio das regatas, con premios substanciosos en metálico, durante os primeiros anos do franquismo. En calquera deses períodos, vaise dar unha rivalidade entre os mariñeiros das parroquias Tirán-Meira ou Meira-Tirán, como prefiran, e ambos cubrirán ás páxinas máis gloriosas do remo galego a través da historia. E éche ben certo, agás algún ano que outro, os remeiros moañeses estiveron sempre na elite deste deporte. Dende o principio en Vigo, logo pasando pola etapa coruñesa da copa do "Generalísimo", ata a nova xeira, iniciada en 1979, na que a supremacía dos remeiros de Meira e Tirán foi manifesta ata os últimos anos. Á PROCURA DAS PRIMEIRAS REGATAS NA RÍA DE VIGO Ata agora sabíase que na Coruña houbo este tipo de competicións alá por 1906 pero en Vigo atopamos bastantes dificultades para saber cando principiaron. Sondando na hemeroteca de Faro de Vigo, pódese confirmar que as regatas importantes na nosa baía están ligadas ás tradicionais festas viguesas na honra do "Santísimo Cristo de la Victoria", de "Santa María" e da conmemoración da "Reconquista". Nun principio, as regatas celebrábanse nos meses das efemérides, pero a partir de 1886 os festexos unificáronse durante moitos anos para centralizalos no verán. Nesas sondaxes non nos foi posible dar coa data exacta da orixe das competicións de remo, quedándolles a deber un repaso exhaustivo e minucioso con máis tempo. De calquera maneira, pode circunscribirse á formación das sociedades recreativas, encargadas de organizar unha e outra vez os deportes mariños, como se comprobará ó longo deste traballo. Houbo quen apuntou, con bo criterio, que as primeiras probas de remo deportivo acontecidas en Vigo remóntanse a xuño de 1875, na honra da escuadra inglesa fondeada na ría. Os organismos da cidade afanáronse para agasallalos cunha verbena do mar. Pola súa parte, os ingleses aceptan o convite e corresponden o 28 de xuño cunha competición de catro "canoas" baixadas das fragatas engalanadas, todas elas, de bandeiras. Na realidade non se pode considerar ese evento como o primeiro, pois un mes antes o presidente do Casino de Vigo, Pardo Saavedra, anunciaba en nome das sociedades "El Casino", "La Tertulia" e o "Recreo Artístico" a convocatoria dunhas regatas para realzar os actos do "Cristo de la Victoria". Sen obsesionarse de se foron ou non as primeiras, pódese dicir que definiron uns criterios competitivos mantidos durante décadas, con a penas variacións. Daquela xa diferenciaron categorías para embarcacións "menores" e de profesionais de pesca. Tamén estableceron un campo de regatas, dende o peirao da Laxe ata o Malecón, sen grandes cambios co pasar do tempo. Por outra parte, a regata de 1875 establece dúas modalidades. A primeira para botes e 4 remos exclusivamente para as tripulacións das 3 sociedades organizadoras e a segunda para faluchos e lanchas de pesca con velame incluído. Mentres as sociedades disputábanse as bandeiras representativas delas mesmas, os profesionais eran incentivados con 400 reás como premio pecuniario. As deportivas realizábanse por la tardiña dun luns de xuño e logrou atraer a unha enorme concorrencia para presenciar as regatas e a entrega de premios, dados por esta orde: 1º- Bandeira do "Recreativo Artístico" para a tripulación de "El Casino" 2º- Bandeira de "La Tertulia" para os remeiros da propia sociedade "La Tertulia". 3º- Bandeira e premio de "El Casino" para o representante do "Recreativo Artístico" En canto ós premios "pecuniarios", as referencias resúmense nunha soa liña dicindo que o primeiro posto foi para o Sr. Pallarés e o segundo para Sr. Morillo. As normas que definiron aquelas probas mariñas foron moi semellantes durante varios anos, alteradas de cando en vez polas inclemencias do tempo, como sucedeu en 1880 ás que non se presentaron as "bateas" (gamelas), deslucindo as regatas custeadas polo Casino. Hai que dar outro salto ata agosto de 1886 para que a prensa magnificencie unhas festas baixo o impulso dunha nova sociedade "O Gimnasio", encargada de organizar as do Cristo,Santa María e Reconquista, conmemorándoas conxuntamente con regatas de botes de tráfico, botes de recreo, "bucetas" de catro remos e a de maior expectación, a de faluchos de 12 remeiros e patrón. Para esta última regata repartíronse dous importantes premios de 1.000 reás para o vencedor "San José", dirixido por Victoriano Gómez e 500 para o seguinte clasificado "San Adrián" baixo as ordes do temoneiro Juan Rey. Os acontecementos políticos dos anos seguintes e a perda da colonia de Cuba, somete o país a unha depresión que non permite alardes de ningún tipo. A Vigo chegou o temor dunha posible invasión "yankee" e houbo que embargarse para preparar a defensa da cidade. Por tal motivo suprimiron os festexos de 1898, agás os relixiosos sufragados polos fieis. Tardouse ata o ano 1900 para comprobar a ilusión de novas competicións de mar. Cando dicimos nova etapa, queremos destacar que, por primeira vez, convócase unha regata para traíñas referíndose a aquelas embarcacións estilizadas importadas do Cantábrico, as cales estaban en plena "guerra" cos barcos xeiteiros. A pesar diso, o día 6 de agosto de 1900 non houbo impedimentos para realizar as probas para "bucetas" de 4 remos e, sen embargo, as traíñas acadaron unha participación menor, sendo o primeiro premio de 125 ptas. para a "Niña" dirixida por Francisco Álvarez e o segundo levouno a "Rosalía" capitaneada por José Casado. ORIXE DAS REGATAS DE TRAÍÑAS NA RÍA DE VIGO (Segunda parte) Atendendo ás crónicas contemporáneas, pódese aventurar que, efectivamente, debeu ser a primeira vez que concorreron as traíñas de pesca, de corte cántabro, deixando boa perspectiva para o ano seguinte de 1901 onde o concurso foi máis participativo. Para este ano os premios gañadores taxáronos en 200 e 65 ptas. para os primeiros que fixesen o percorrido de ida e volta ata Espiñeiro, co condicionante de non superar os 24 minutos. A competición en si resultoulles de enorme agrado ós asistentes, os cales quedaron impresionados ante a intensidade e exhibición dada polos doce remeiros de cada tripulación. Ó final, esa demostración quedou nun proxecto banal sen continuidade, pois non atopamos mostras de celebrarse nas festas de 1902, 1905, 1908 nin 1909. Non acontecía o mesmos noutros portos como o de Vilagarcía, onde se viñan celebrando regatas de gran tradición, polo menos dende 1902. Co nacemento do Real Club Náutico en 1906, todo parecía favorable cara ós deportes mariños, pero a efémera supervivencia desvaneceu toda posibilidade de promoción e potenciación destas modalidades deportivas. O Club Náutico desapareceu en 1909 e con el as grandes esperanzas do remo. En 1910 retómanse as festas viguesas con especial dedicación a este deporte de panca podendo consideralas, ata ese momento, como as festas máis grandes da historia de Vigo. De feito, programáronse dúas regatas de traíñas, unha para embarcacións de catro remos e outra para os de catorce, formadas por tripulacións pertencentes a buques de guerra. Chegado o día dez de agosto, para a modalidade de máis de catro remos, só estaba anotada a embarcación "Nuestra Señora del Carmen" de José Coloret Lago; en consecuencia, houbo de ser suspendida. Para os de catro remos aconteceu outro tanto coa inscrición do "Estrella Polar" de Antonio Conde Castilla. Correu mellor sorte a proba para traíñas de 14 remos coa participación de dúas tripulacións de mariños correspondentes ó barco da armada "Urania" que portaba as lanchas auxiliares "Vasca" e "Gallega". Non era a primeira vez que competían ambas as embarcacións. Concretamente nas dúas últimas regatas sería a "Gallega" a triunfante, pero nesta ocasión a "Vasca" tomaría a desquite e entrou de primeira cun rexistro de 28 minutos para recorrer as 3 millas. En agosto dese ano de 1910 constátase outra regata de traíñas en Vilagarcia gañada pola "Conductora" do Grove e o segundo posto para a "Soriano" baixo as ordes de José González, sen especificar neste caso ó porto que representaba. A Asociación Popular de Vigo, ultimou en 1911, regatas para traíñas de 20 remos sobre un percorrido de 3 millas e regulada polas normas da Federación de Clubs Náuticos. Estaba estipulado pagar 10 pesetas polo dereito de inscrición. Increpación que ninguén puido satisfacer porque o canoneiro "María de Molina" estaba realizando misións imposibles de aprazar. Polo tanto, a tripulación prevista para participar ese ano non puido desprazarse ata Vigo. A Asociación Popular responsabilízase outra vez en 1912 da organización das competicións de botes, traíñas de 4 e tamén para 18 mariñeiros profesionais. Nese evento redactáronse unhas normas semellantes ás competicións actuais, pero coa peculiaridade de vogar uns 2.000 metros coa prohibición de usar a pica e apoiar os remos nas boias durante as viradas. Nos anos sucesivos as actividades deportivas dentro das festas facíanse repetitivas e houbo que agardar ata 1915 para observar unha pequena variabilidade na organización como as probas para botes de tráfico e o campionato provincial de traíñas de 4 remeiros e patrón para afeccionados, civís ou militares. Dicir que a copa e 5 medallas de premio foron para os vencedores da embarcación "Concha", pertencentes a un cable alemán, e a segunda praza para a lancha "Cabo Peñas", movida por mozos da cidade olívica. Durante 1916 a iniciativa deportiva seguía recaendo na Asociación Popular con probas para traíñas de 4 remeiros e patrón, tamén para botes de guerra de 6 toletes e unha última para embarcacións de 13 homes. O campo de regatas estaba sinalado por dúas barcazas na saída, fronte ó peirao comercial. As de afora, instaláronse á altura do fondeadoiro do Berbés. O traxecto estaba calculado sobre uns 2.000 metros. De todas as regatas, a que seguía espertando maior interese foi a disputada entre os profesionais de 12 remos, na que obtivo a victoria a "Natividad" baixo a dirección de Arturo Rodríguez, seguida pola "Maruja" de Alfonso Marcial. No ano seguinte, aparece a "Sociedad Gimnasio" como organizadora do deporte mariño co mesmo criterio dos anos anteriores. O mesmo pode dicirse para 1918 pero coa particularidade de modificar a orientación do campo de regatas, cousa que non agradou a todo o mundo. Sábese que nese mesmo ano de 1818 acadaron extraordinario éxito a regata celebrada en Cambados coas pancas, embarcacións propias da pesca. Non obstante, hai que trasladarnos ata 1925 para comprobar un intento de relanzamento das competicións. Iso si, prescindindo xa das embarcacións auxiliares dos buques da armada. Nesta ocasión definíronse categorías para gamelas, traíñas de 8 remos, de 7 metros de eslora e a última entre 16 e 18 remos e de 10 metros máximos de eslora. Na modalidade das gamelas de 2 remos resultou vencedor o boucense Baltasar Román, seguido por Urbano González e de terceiro o veciño de Tirán Daniel Oliveira con "Carmen". As regatas que viñeron a continuación espertaron unha expectación inesperada; de feito chegaron a inscribirse ata 11 embarcacións de 7 metros, pero ó final fallaron algunhas e o resultado foi o seguinte: 1º "Bandolero" de Vicente Fernández de Guixar. 2º "Hortensia" de Antonio Valverde de Vigo 3º "Lolita" de Enrique Davila de Teis 4º "Maruja " de Ángel Lago de Vigo En canto ás traíñas de 10 m. presentáronse 4 tripulacións, polo que chegaron a suprimir o cuarto premio. A clasificación final quedou así: 1º "Ramonita" de Policarpo Vilar de Baiona 2º "León" (resultou ilexible o nome do patrón e do lugar) 3º "Juan Vigo" de Félix Lores do Grove. Hai que dicir que o vencedor desta modalidade levou un premio de 1.250 ptas., cantidade considerable naquela economía. Ó segundo correspondeulle 600 ptas., e 400 ptas. ó terceiro clasificado. En outubro do ano seguinte de 1926 sería bendicido, por segunda vez, o "Club Náutico de Vigo". Esta vez con garantías de continuidade e coa pretensión de dinamizar todo tipo de deportes do mar; pero na realidade parece ser que foron as regatas de balandros as máis favorecidas. De feito, durante os sete anos seguintes non atopamos referencias sobre as traíñas, pero iso non significa que no as houbese. Metidos no ano 1931 e coincidindo co inicio do proceso republicano, atopamos que o "Club Marítimo" de Vigo, sociedade de recente formación, organizaba regatas entre socios con embarcacións de 8 remeiros. O Club Marítimo naceu dunha excisión do Náutico e por iso a disputa pola organización das probas revestía certo carácter de protoganismo. Pero, unha crise interna do Marítimo forzou a dimisión da directiva, consecuencia que soubo aproveitar o Náutico para rexurdir con espectacularidade as competicións traiñeiras. O Club Náutico contaba con embarcacións de 8 remos, popularmente coñecidas como as "blancas", as cales foron utilizadas a partir de 1933 nas disputas das bandeiras da República, emulando as competicións norteñas, e baseándose no regulamento das regatas de Bilbao. Neste caso, a organización contou coa colaboración do Sindicato de Iniciativas e Propaganda da cidade de Vigo para animar e crear un ambiente popular nos portos ribeiráns situados en ambas as dúas marxes da ría. É probable que as "blancas" fose unha doazón do Sindicato de Iniciativas e Propaganda, xa que este acababa de constituírse no mes de xullo e estaba formado por representantes do Concello, cámaras oficiais, patronal e outras entidades da cidade e que tiñan coma obxectivo a promoción do turismo en Vigo. Por vez primeira atopamos claras referencias a tripulacións moañesas, corroboradas polo testemuño de José González de Meira cando comentaba que tanto el coma seu pai eran coñecidos no peirao do Berbés, debido á actividade de transporte de mercadorías e incluso de viaxeiros entre Meira e Vigo. Nesa familiaridade foron convidados a compoñer unha tripulación, e de feito, José González logra reunir un equipo de "homes fornidos", a dicir pola prensa contemporánea. Estes chegaron a establecer uns tempos récords, difíciles de superar en varias temporadas. Entrar no detalle das regatas do período republicano e da época franquista, xa é parte da historia propia das traíñas e aí hai materia para outra ocasión. REGATAS DO PERÍODO REPUBLICANO (Terceira parte) As regatas tiveron lugar en setembro do 33 polo sistema de quendas para percorrer aproximadamente unha milla e cuarta. Esa primeira quenda foi gañada por Meira, baixo as ordes do mesmo José González, realizada nun tempo de 10 minutos e 37 segundos. Segundo quedou Chapela con 10' 50" superando a Baiona que detivo o cronómetro en 10' e 58". Na quenda final competiron, pois, as lanchas clasificadas, volvendo gañar a traíña de Meira en 10' 30" sobre Chapela que tardou en facer o traxecto en 10' 50", mellorando lixeiramente os tempos da primeira. A suma de ambos non variou a clasificación. A nota apaixonante foi amosada polos veciños de Meira alí concorridos que animaron ós seus remeiros triunfantes, cando portaron a bandeira tricolor da República, ademais dun premio en metálico de 500 ptas. A rivalidade entre Náutico e Marítimo acabou na formación dunha comisión mixta para organizar as regatas de 1934, e de novo baixo o patrocinio do Sindicato de Iniciativas e Propaganda de Vigo. O éxito do ano anterior garantía un maior entusiasmo entre os pobos ribeireños, e de feito alcanzouse a considerable inscrición de 6 tripulacións para participar na clasificatoria prevista para o 5 de agosto e disputar a final o xoves seguinte día 9. Despois de constituírse o xurado, o público numerosísimo chegado dende Moaña, Cangas, Chapela e Espiñeiro puido contemplar con grande emoción como se desenvolvía a eliminatoria no campo de regatas, situado entre o Club Náutico e o peirao transversal, con dobre recorrido para realizar tres viradas. A primeira quenda resultou ser a máis forte, ó enfrontarse entre Tirán e Meira, iniciando así unha eterna rivalidade que escribiría as páxinas máis importantes deste deporte en Galicia. A traíña de Tirán estaba patroneada, nesa ocasión, por José González, que se distinguía cun xersei azul, e os remeiros de Meira obedecían as ordes de Enrique Paz, coa malla a listas de vermello e branco. No momento de dar a saída, intuíase unha igualdade de forzas, como así foi ata o segundo rego, onde os homes de Tirán conseguen avantaxar o longo dunha embarcación, distancia imposible de neutralizar, pois chegaron de primeiros á meta cun tempo de 11' 50" mentres Meira facíao en 12' 17" que a clasificaría coma outro finalista. A segunda quenda supuxo outro acto de rivalidade e emoción, especialmente para os veciños de Espiñeiro que concorreron con dúas tripulacións e que por sorte tocoulles competir entre si. E resultou que a pugna non puido ser máis igualada xa que gañou por tres segundos a lancha dirixida por Antonio Fernández con 12' 32" sobre o seu conveciño José Martínez. Para rematar as probas disputouse a última quenda entre Chapela e Rodeira, baixo os mandos respectivos de Feliciano Iglesias e de Manuel Rodal, quen, en definitiva sería este patrón morracense o que levaría a súa tripulación á victoria cun tempo de 12' 19" por 12' 33" dos de Chapela. Polo tanto, como xa dixemos, clasificáronse Tirán e Meira para competir a final naquelas traíñas, coñecidas coma as "blancas" e equipadas para 8 remeiros e patrón. Posiblemente, por mor do mal tempo, a final postergouse para o día 14 de agosto en dúas sesións. A primeira tivo lugar pola mañá a partir das once e media con regatas previas de traiñeiriñas de 4 remos, dedicadas a infantís e afeccionados. Despois chegou a primeira e esperadísima rivalidade entre Meira e Tirán, demostrada na enorme concorrencia procedente de ambas as dúas parroquias que ata alí chegou. Logo da saída a tensión mantívose por igual ata a segunda virada, na que Meira realiza unha falsa manobra; manobra ben aproveitada por Tirán para adquirir certa vantaxe que lle valería o triunfo. A pesar dese contratempo, os curtidos mariñeiros de Meira agardaban neutralizar o tempo na segunda regata prevista para a tarde. Chegado o momento da definitiva, precedida doutras probas de piraguas, gamelas ou racús, esperábase un desquite de Meira, pero os forzudos remeiros de Tirán non se deixaron sorprender, e na segunda volta superaban ó seu rival en lancha e media e chegaron á meta cun extraordinario tempo de 12' 55", a pesar de haber máis mar, fai un rexistro bastante inferior ós 13' 12" do seu rival. Tirán, ademais da bandeira, levou de complemento 1.000 ptas. por 500 ptas que recibiu Enrique Paz, patrón de Meira. Cada ano que pasa a expectación sobre este deporte ía superándose ata límites impensables; pois en 1935 debeu ser impresionante a emoción vivida, xa que as diferencias da clasificatoria resultaron ser tan insignificantes que aventuraban unha final imprevisible. O resultado do día 11 de agosto foi o seguinte: 1º Tirán 12' 32" 2º Meira 12' 41" 3º Rodeira 12' 54" 4º Espiñeiro 13' 12" 5º A Guarda 13' 19" 6º Chapela 13' 34" Tal como estaba previsto o 15 de agosto todo Moaña tomou rumbo a Vigo para asistir ás dúas probas que se ían celebrar mañá e tarde. Ese ano houbo cambios nas direccións das lanchas, pois Meira repescara a José González, mentres que os de Tirán estaban dispostos a obedecer os ritmos que lles marcaba Francisco Fernández, antigo popel precisamente de José González. A experiencia do patrón González valeulle para sacarlle a Tirán unha vantaxe de 38" na primeira proba e que se consideraba practicamente insalvable agás un esforzo ata ó límite da extenuación. De tódolos xeitos, o equipo de Tirán, nunha expresión de orgullo, chega a vencer na edición da tarde por un só segundo. Por tempos Meira gaña as 1.000 ptas. e a bandeira republicana. Os tempos quedaron deste xeito: Primeira quenda: 1º Meira 11' 50" 2º Tirán 12' 28" Segunda quenda: 1º Tirán 12' 00" 2º Meira 12' 01" O INICIO DO PERÍODO FRANQUISTA EN VIGO (Cuarta parte) O estalar a Guerra Civil en xullo do 36, obviamente quedaron paralizadas todo tipo de actividades deportivo-culturais e houbo que agardar a finalización do fraternicidio para recomezar as regatas de traíñas, pero xa con claros matices propagandísticos dos vencedores, por suposto. Así, para conmemorar o "Día de la Victoria" celebrouse o primeiro de abril de 1939 con probas para botes, traíñas para afeccionados dos clubs marítimos de Marín, Pontevedra e Vigo e, por último, outra quenda entre os profesionais de Espiñeiro e Tirán, da que só sabemos que foi gañada por Espiñeiro. Tamén ese ano de 1939 restablecéronse as festas de Vigo, a pesar da precariedade económica, e acordaron organizar outra regata coas tripulacións inscritas de Tirán (vencedora en 23' 54"), Espiñeiro (segunda cun tempo de 24' 30"), Meira (terceira en 24'40") e Lagoa (cuarta en 24'52"). Na crónica recollida non especifica se os tempos corresponden á suma de dúas probas ou, polo contrario, se o campo de regatas era o dobre de longo que no tempo da República. De calquera xeito, o vencedor Tirán levou 1.500 ptas. e un título honorífico denominado José Pérez Boubeta, en memoria deste mariñeiro de Tirán morto durante a guerra. Da mesma forma procedeuse co segundo clasificado, Espiñeiro, adxudicándose 500 ptas. e a honra a José Pérez Fernández, mariñeiro daquela localidade e falecido tamén durante a contenda. No ano 40 foron as tripulación de Meira e Arcade as encargadas de celebrar a efeméride do "Día de la Victoria", co resultado favorable á embarcación moañesa. Estas dúas traíñas foron, así mesmo, as animadoras da final das festas do verán. Ese ano o valor foi incrementado ata 2.500 ptas para o primeiro e 1.500 para o segundo. A primeira eliminatoria tivo lugar o 18 de agosto e sorprendeu a enorme animación de lanchas, barcos e chalanas, desprazadas ata o campo de regatas, a pesar da baixa de Espiñeiro que se negou a participar a última hora. A regata entre Meira, Tirán e Arcade resultou un tanto conflictiva, pois ninguén soubo explicar como a tripulación de Tirán, patroneada polo xa experto José González, e cando ían destacados, abordou nunha absurda manobra a lancha de Meira. A descalifiación inmediata permitiu a Meira bater a Arcade por escaso marxe na final celebrada dous días despois. Ante a espectacularidade levantada polos mariñeiros, o Faro de Vigo fai comentarios da beleza plástica do traballo diario de saber meter os remos, de saber aproveitar o roce do mar, de saber vogar reservándose os segredos da técnica; en definitiva, da espectacularidade de vogar ó unísono de oito homes que esperta paixóns nas vilas mariñeiras. En 1941 o club Marítimo de Vigo mandou construír nun estaleiro de ribeira de Meira, catro traíñas de regatas semellantes ás do norte para dotación de 13 remeiros e patrón, co obxectivo de organizar, por vez primeira, os campionatos provincial e galego para afeccionados. A realidade resultou ser ben diferente ós intereses do Marítimo, pois aquelas embarcación adquiridas en agosto do 41, non chegaron a ser estreadas oficialmente ata o ano 1946; mentres tanto foron prestadas para celebrar competicións de menor realce como as celebradas entre o Marítimo e o S.E.U. de Vigo en 1943, ou a de Cangas en agosto dese mesmo ano. A práctica inactividade desta modalidade na cidade de Vigo é añorada por xentes amantes deste deporte, e así o 11 de agosto de 1943, o Faro de Vigo faise eco dun artigo do pseudónimo "Capitán" baixo o título "El porvenir del remo en nuestra ría" e nel pregúntase o por qué este nobre deporte non logra alcanzar o auxe e empuxe que noutros lugares da Galicia mariñeira, ou coma no Cantábrico, onde goza dun enorme prestixio cando na nosa ría non falta ambiente para acadar niveis semellantes. O mesmo columnista fai referencia as 4 lanchas que, por unha serie de circunstancias, levan anos sen adestrar nin competir de forma oficial, achacada a falta de aliciente duns premios metálicos considerables, a pesar da boa vontade do Marítimo para responsabilizarse da organización; sempre que houbera bos patrocinadores. Mentres isto non sucedía, as embarcacións eran cedidas ós pobos ribeireños para competir nos días das festas patronais. Destas vilas vai resaltar a formación do club de Remo do Rápido de Bouzas, que dende o seu inicio ten participado en varias regatas con resultados bastante favorables. Esta pequena introducción sobre o Rápido de Bouzas, vén a conto porque estaban previstas unhas regatas que se ían celebrar pola mañá do domingo día 6 de agosto de 1944, nas augas de Moaña e como actividade de máis relevancia dentro das festas patronais dese ano. Nese evento a Comisión condicionou a participación sobre as embarcacións cedidas polo Club Marítimo, por aquilo de participar todos nas mesmas condicións e oportunidades. Os boucenses que pretendían tripular a lancha propia foron excluídos e por tal motivo emitiron un comunicado público ós medios de comunicación ameazando con recorrer á Federación Galega de Remo. O Club Marítimo sae ó paso das alusións de culpabilidade dicindo que ten participado en competicións cos "amateurs" do Rápido de Bouzas, sabendo que estes contaban cunha lancha construída con tódalas vantaxes técnicas e ó mesmo tempo eximíanse da responsabilidade da organización, competencia da Comisión de festas de Moaña. Así mesmo puntualizaba positivamente, o criterio da Comisión na procura dunha equidade entre os participantes. O día das regatas na honra da virxe do Carme, congregáronse detrás da Praza de Moaña máis de 6.000 persoas, segundo a prensa, para animar e aplaudir fervorosamente ás seis tripulacións que competiron durante os 3.500 metros do percorrido. A clasificación desta xornada foi a seguinte: O primeiro posto para os mariñeiros de "Educación y Descanso" de Tirán, adxudicándose a copa do Gobernador Civil. No segundo lugar quedou o equipo da Praia dirixido por Pombal "O Quisque" que superou en pouco ó outro rival, tamén da Praia, baixo as ordes de "Japonés". No cuarto posto entraron os do Berbés. De decepcionante foi considerado o penúltimo posto de Meira que só puido superar a tripulación de Teis. En 1945 o club Náutico retoma tardiamente a iniciativa para as traíñas de trece remos, contando cos equipos de Tirán, Moaña, Teis, Guixar, Meira, Riveira do Berbés, Bouzas e outros, para competir o día 2 de setembro. Ó final descoñecemos se se celebrou a regata ou quedou suspendida a causa do mal tempo. O PERÍODO DE ESPLENDOR: 1946-1951 (Quinta parte) Logo de varios anos de incerteza, a Corporación de Vigo decidiu patrocinar en 1946 os deportes náuticos dentro das actividades das festas, como xa era costume en anos precedentes. Nesta ocasión o Club Náutico asume a organización, contando cun presuposto de 15.000 ptas para relanzar as regatas das traíñas. Hai que dicir que o Náutico conta con novo edificio inaugurado o 5 de agosto de 1945, situado nunha ampla zona portuaria. Para facerse dignos dos premios (8.000 ptas para o primeiro, 5.000 para o segundo e 2.000 para o terceiro) deberían superar unha primeira eliminatoria que haberían celebrar nun domingo e competir na final prevista para o xoves seguinte. Hai que dicir que os considerables premios en metálico non teñen comparación cos das etapas anteriores e por iso a expectación levantada foi enorme, tal coma se demostrou nas once tripulacións que formalizaron as inscricións. Velaí a relación: TRIPULACIÓN PATRÓN Espiñeiro José Martínez Lagoa Arturo Fernández Chapela Floro Chapela Rápido de Bouzas Iglesias Chao Manuel Montero Moaña José Pombal San Bartolomé Emilio Gramary Meira de Abaixo José González Canabal Manuel Outeiral Tirán Francisco Fernández Vilela Manuel Germade Xamais o concello de Moaña estivo tan representado neste deportes, nin máis nin menos que cinco traíñas ó mesmo tempo, sen contar o Canabal, representante da demarcación de Cangas pero cun potencial de remadores formados por mariñeiros da Pedreira; canteira de incalculables valores que tantos días de gloria deu ó remo moañés, ó igual que os homes do Latón. O día 12 de agosto de 1946, as boias quedaron colocadas entre o Náutico e o Areal, permitindo desta forma unha excelente visión para o numerosísimo público que abarrotaba as Avenidas de Vigo. Sen embargo, o cronista non foi condescendente coa magnitude do evento e só nos transmitiu as dúas primeiras quendas, as verdadeiramente representativas e de onde saíron os catro finalistas. Na primeira xornada Tirán vence a Meira por escasos metros e na segunda, San Bartolomé supera a Canabal, despois dun man a man de gran dureza, onde ambos os dous superan, por pouco, a Espiñeiro. A rivalidade das nosas tripulacións non puido ser máis competitiva e isto aumentou enormemente a paixón; paixón histórica do duelo Tirán-Meira ou Meira-Tirán que prometía un espectáculo grandioso para a final do día 15 dese mes de agosto. Chegado o día, en Moaña non quedou barco, gamela nin chalana, que atestadas de xente, emproaran ata o campo de regatas. O longo do rego estaba perfectamente delimitado por unha liña movediza de pequenas embarcacións apertadas, agardando a saída para dar os berros de ánimo ós seus favoritos. Atentos ós altofalantes e no medio dun gran nerviosismo, tivo lugar, ás nove en punto, a gran final. Poucas veces se viu tanto entusiasmo vociferante. sinxelamente o espectáculo resultaba impresionante. Xa na primeira virada poder observarse unha lixeiriña vantaxe de Tirán e Canabal, deslizándose polos regos primeiro e terceiro, deixando en singular pugna a rivalidade de Meira e San Bartolomé. Nos últimos metros a voga achicada dos de Tirán converteuse nunha exhibición soberbia ante o delirio dos seus seguidores cando comprobaron a triunfal entrada. O resultado da proba foi a seguinte: 1º Tirán 12' 57" 2º Canabal 13' 03" 3º Meira 13' 22" 4º San Bartolomé 13' 34" Rematada a regata, como era habitual, a tripulación de Tirán, xunto co patrón, subiron ó club Náutico para recibir os premios no medio dun ambiente de vítores. A crónica de 1947 vén narrada baixo as mesmas características cualificando a final coma un "espectáculo de bellísima magnitud" que ofreceron na baía os participantes do campionato provincial de remo, celebrado o mes de agosto coma xa era tradicional. "Difícil de describir la emoción" enfatizaba un xornal contemporáneo para describir as innumerables embarcacións chegadas dos diferentes portos e vilas, repletas de entusiastas na procura dunha boa visión ó longo do campo de regatas. A pouco de dar a saída, Tirán deu motivos para amosarse favorita, pois chegou con vantaxe na primeira virada, a cal resultou ser extraordinaria, superior á dos perseguidores Canabal, Redondela e Meira de Arriba. No segundo rego, xorde unha incrible Meira que non tarda en superar a Tirán e toma unha diferencia case inalcanzable na segunda virada. Ninguén se explicaba as causas da actitude pasiva de Tirán. ¿Exceso de confianza?. ¿Desmoralización?. O caso foi que tamén Redondela e Canabal aproximáronse, dando a sensación de superala por momentos. No último longo Meira venceu de forma insultante cun extraordinario tempo de 12' 17", rebaixando amplamente os 13' 37" logrados na clasificatoria. Por certo, ese día Meira quedara de cuarta e Tirán de primeira. A loita por dilucidar centrábase no segundo posto. A reacción de Tirán é notoria e marabillosa cun alarde de forza ata pórse á par de Redondela. Atrás quedaba Canabal contemplando o man a man Redondela e Tirán. O paso por meta foi fulminante, difícil de saber quen chegou de segundo. Houbo fortes porfías que non aclararon nada. Logo de moitas discusións, lograron a solución salomónica de repetir a regata entre as dúas traíñas en litixio pero coa metade do traxecto. Os remeiros así o aceptaron e a pesar do esforzo extra todo indicaba que se ía repetir a chagada anterior debido a unha emocionante igualdade, só resolvida nos últimos metros, onde Redondela logra, por fin, unha mínima distancia para facerse co tan polémico segundo premio. O PERÍODO DE ESPLENDOR (2ª parte) (Sexta parte) A temporada de 1948 parte cos mesmos premios dos anos anteriores, pero nesta xeira o vencedor conta coa ocasión de poder participar no campionato de España, en representación da provincia de Pontevedra, que se ía celebrar no porto da Coruña. Para garantir unha participación en equidade, solicitaron da Federación de Remo catro lanchas, das cales dúas xa estaban en Vigo á disposición das tripulacións para adestrarse duramente, coa confianza de lograr o pase á finalísima. Ese ano o número de inscritos supera o récord dos anteriores, alcanzando a impresionante cifra de 16 traíñas, das que destacan sobre todas, as do concello de Moaña con representación das parroquias de Meira e Tirán, como era habitual, e por vez primeira aparece unha dotación correspondente á parroquia de Domaio. Chegado o domingo 29 de agosto non fallou ningunha das lanchas anotadas, polo que houbo un sorteo previo para a distribución das catro quendas, das que só se clasificarían os catro mellores tempos. O ambiente era de tal magnitude que así o describía Álvaro Sieiro no Faro de Vigo: "Mañá domingo terá lugar na baía viguesa o Campionato Provincial de Traíñas, bravafesta marítima, e sen dúbida a que arrastra máis impetuosamente o entusiasmo das multitudes. Esta fermosa e suxestiva competición, espertou en tódolos pobos mariñeiros da provincia gran entusiasmo. Festa, en fin, que pon de manifesto o carácter peculiar dos pontevedreses; este carácter inconfundible, mestura de teima, vontade férrea, tesón, amor propio... este amor propio que ás veces nos converte en orgullosos. Estas colosais pugnas son presenciadas por milleiros e milleiros de espectadores. Auga e terra vense invadidos por esta avalancha humana. As embarcación estaban prestas para a épica contenda. Repetidamente un silencio sepulcral. O instante dun pestanexo seguido dun estampido e dun berro unánime. A loita iniciouse. Milleiros de corazóns latexan descompasadamente; a respiración faise anhelante; percíbese claramente o runrunear angustioso da apiñada multitude que se axita, culebrea, xesticula... berros de alento, de rabia, de xúbilo... multitude inmensa que se mantén presa da máxima tensión pasional. Alí abaixo, entre dúas filas de acompañantes, estes homes sinxelos, firmes, vogando, van deixando tras de seu a branca estela de vida fugaz. As embarcacións fúndense nas simas que forman as ondas e cortan estas co centro das súas quillas. A loita é tenaz, marabillosa, ruda, sen tregua... os músculos contráense, os torsos dóbranse, fúndense os remos co xesto viril. Estes homes realizan esforzos sobrehumanos, titánicos, case esgotados ó dobrar dos seus remos, nas pas dos cales poñen o seu xeneroso corazón a prol da causa da que son firmes paladíns. Loitan denodadamente con aínco, con teima, con arranques sublimes de amor ó seu pobo, como loitan os homes que, máis que homes, son xigantes. Ás súas beiras... arriba... o pobo soberano ruxe. Unha embarcación destaca victoriosa no medio dun furacán de entusiasmo. Os seus tripulantes con coraxe, axítanse, recobran novos alentos. Outros homes aceleran o compás, perdendo o ritmo habitual, iniciando o sinal de esgotamento. A traíña vencedora cortou a liña de chegada entre unha ovación delirante. Uns remos levántanse en acción de xúbilo. Pitan sen cesar as sereas dos vaporciños do pobo vencedor. O pobo desfila. Coméntase... gózase. Percíbese moito entusiasmo, moito, e non menos desilusión. Desembarco triunfal dos heroes do momento. Movemento febril na Bolsa regatil. Algarabía. Todo isto é clásico. Son cousas que é necesario vivilas para comprender toda a súa grandeza. Son as regatas de traíñas que non morrerán. É o festexo de verán por excelencia". Chegado o 29 de agosto comprobouse que, efectivamente, a animación e a emoción superouse unha vez máis. Poucas veces ten espertado tanto interese unha regata que comezou ás 11 en punto e co resultado seguinte: 1ª QUENDA 1º Bouzas 11' 57" 2º Moaña 12' 12" 3º Portonovo 12' 15" 4º Arcade 12' 52" 2ª QUENDA 1º Redondela 11' 50" 2º Meira 11' 50" e dúas décimas 3º Combarro 12' 17" 4º Cangas 13' 07" 3ª QUENDA 1º Tirán 11' 04" 2º Bueu 11' 54" 3º Lagoa 12' 13" 4º Coruxo 12' 20" 4ª QUENDA 1º Canabal 11' 56" 2º San Francisco 12' 04" 3º Domaio 12' 34" 4º Espiñeiro 12' 40" Quedaron clasificadas para a final os catro mellores tempos realizados polos equipos de Tirán, Redondela, Meira e Bueu. A regata definitiva foi fixada para o 5 de setembro en dobre competición e con sorteo de balizas e posterior cambio para un mellor reparto da sorte. Os premios concedidos polo concello de Vigo estaban estipulados nun montante de 25.800 ptas. Como complemento ó espectáculo celebráronse previamente o campionato de España de Iolas, gañada por Ur-Kirolak e logo unha regata de gamelas, onde os mariñeiros de Canabal e Balea mantiveron a supremacía. En canto a tan esperada final de traíñas principiaron ás 7 da tarde cuns resultados favorables para as tripulacións moañesas: 1ª PROBA 1º Tirán 12' 02" 2º Redondela 12' 17" 3º Meira 12' 22" 4º Bueu 12' 32" Na seguinte regata, hai un cambio considerable de posicións que vai influír notablemente na chegada á meta: 1ª PROBA 1º Meira 12' 27" 2º Tirán 12' 39" 3º Redondela 12' 51" 4º Bueu 12' 55" Na vista dos tempos de ambas as quendas pode observarse a volta da orden no resultado final. CLASIFICACIÓN DEFINITIVA 1º Tirán 24' 41" 2º Meira 24' 50" 3º Redondela 25' 08" 4º Bueu 25' 27" 1952: I GRAN PREMIO CIDADE DE VIGO (Sétima e última parte) En 1949 a competición celébrase en agosto baixo a mesma incerteza en saber se o vencedor era Meira ou Tirán, sen esquecer a puxanza de Canabal, terceiro en discordia, pois Guixar, O Con, e Domaio quedaron eliminados por tempos e tamén Panxón que ó final non chegou a presentarse. Debido ó mal tempo houbo de aprazarse a regata definitiva para o 3 de setembro, pero iso non restou emoción, nin vistosidade a unha gran final gañada maxestosamente pola tripulación de Meira, seguido de Canabal, mentres que Tirán lograba un decepcionante terceiro posto, superando unicamente a Coruxo. Entrando na década dos cincuenta pode observarse un cambio de rumbo na política deportiva do Club Náutico, enfocada preferentemente cara a actividades mariñas adaptadas á súa idiosincrasia de ocio. En efecto, en 1950 organiza un festival de remo e iolas pero non puidemos comprobar a celebración da regata de traíñas, iso non quere dicir que non as houbese. De calquera xeito, os cronistas de Vigo, ante o éxito que estaba a acadar a "Copa del Generalísimo" animaron ás comisións de festas cara á súa recuperación e lograr o nivel da Coruña. No ano seguinte, en 1951, a especialización xa se fai efectiva. Probas de skiff, iolas, outriggers xogarán un papel preponderante na organización do Naútico, se ben aínda se pode constatar, quizais, a derradeira regata de traíñas das festas de Vigo coa notable ausencia do laureado Tirán. Esa vez, os premio quedaron fixados en 12.000 ptas. para o primeiro, 7.000 para o segundo, 4.000 para o terceiro e un cuarto de 2.500 ptas. O resultado da clasificatoria foi como sigue: 1ª QUENDA 1º Arcade 2º Cambados 3º Santo Domingo 2ª QUENDA 1º San Bartolomé de Meira 2º Xuvenil do Con 3º Meira 3ª QUENDA 1º Canabal 2º Meira de Arriba 3º Guixar 4ª QUENDA 1º Portonovo 2º Borna 3º San Miguel do Rodeira Importante a participación dos remeiros do Morrazo, representada por oito tripulacións das doce concorridas e tres delas lograron o pase á final que tivo coma resultado o seguinte: 1º San Bartolomé 12' 25" 2º Canabal 12' 41" 3º Portonovo 13' 15" 4º Borna 14' 14" A partir de 1952 o Náutico crea as seccións de vela, remo e pesca deportiva en claro detrimento das traíñas que deixan de organizarse en Vigo ata a chegada da nova xeira a partir de 1979. Sen embargo, en agosto de 1973 hai un intento de recuperar a tradición na ría e baixo o patrocinio do Concello e Obra Sindical organízase o "I Gran Premio Ciudad de Vigo" con premios considerables de ata 30.000 ptas. e trofeo para o primeiro. A este evento foron convidados as mesmas tripulación que o domingo pasado participaran na "Copa del Generalísimo". Aínda levantando unha espectacular concorrencia, ese trofeo non tivo continuidade nos anos vindeiros, a pesar dos esforzos das tripulacións en brindar unha emocionante regata, a cal finalizou por este orde: 1º) "San Pedro" de Lasarte, 2º) "Cincuentenaria" de Sestao, 3º) "San José de Santander", 4º) "Virgen del Carmen" de Moaña, 5º) "Leocadia" de Oleiros e 6º) "Marineda" das Xubias. Houbo que agardar ata 1985 para poder comprobar na ría un elenco tan importante de clubs participando no "Campionato de España" celebrado nas augas de Moaña. Xosé C. Villaverde Román Agrupación Cultural NÓS Xullo 2000